Historia do Castanazo-Rock (1993-2014) Historia do Castañazo Rock | Page 4

I CASTAÑAZO-ROCK (1993): GREEN DAY, OS XURAMENTOS E UN BAIXO DE ARROUTADA Do anecdotario do primeiro Castañazo podemos resgatar que cáseque toca Green Day en Chantada un ano e medio antes de ser número 1 nas listas de vendas. A idea desbotouse porque era arriscar 100.000 pesetas cun grupo que ninguén coñecía. E, paradoxalmente, a mostra de que eran outros tempos é que logo a organización primixenia do Castañazo foi velos a Vigo e eran 100 persoas vendo a unha das principais bandas da altura. A Galiza como periferia do centro do sistema-mundo capitalista, cunha inserción serodia e deficiente no mesmo –en boa medida producida durante a ditadura fascista– e nun contexto con presenza forte de elementos da Galiza precapitalista no agro, pasou en dúas décadas a contar con múltiplos festivais que congregaban a milleiros de persoas, ou polo menos a centos. Cando nos laiamos pola ausencia de apoio á música alternativa en galego debemos ter presente que, en todo caso, segue a existir unha demanda deficiente mais que se partía dunha situación de partida francamente difícil. Nese sentido deberíase recoñecer o impulso para a música galega que o bravú supuxoe o tecido social de base que foi creando festivais e consolidando espazos culturais autónomos. Nun baixo, cunha equipa de son que distaba de ser óptima e cun palco feito para a ocasión celebrouse o primeiro Castañazo. Estivo a piques de non celebrarse porque «para a autoridade competente os baixos dunha obra en construción que servían de campo da festa carecían de saídas de emerxencia»4... eran, definitivamente, outros tempos! Nin os organizadores, nin as bandas que pasaron aquel día por Chantada sabían que estaban escribindo a historia moderna do sistema musical galego. Hoxe ningún estudoso da música galega e do movemento bravú pode pasar sen citar a Chantada e ao Castañazo-rock. En palabras de Pedro Feijoo5: Galiza xa tiña unha identidade musical –folk á marxe– diferente: o Rock Bravú, un novo movemento que, igual que acontecera case 150 anos antes en pleno Rexurdimento, contaba con gurús como Xurxo Souto, ou mesmo peculiares bardos como Pinto d'Herbón. Ao ronsel que marcaban os Diplomáticos pronto lle seguirían bandas como Os Skornabois de Vilanova de Lourenzá, O Caimán do Río Tea en Ponteareas ou, en Chantada, Os Rastreros, os Sex Pistols galegos. (...) A mediados dos noventa a arroutada bravú estendíase por todo o país. Naquela edición actuaron os Diplomáticos de Montealto e a conexión cos Rastreros foi total nun concerto memorábel e até hai quen opina que foi dos mellores Castañazos pola proximidade co 4 5 Valiño, Xavier (), Rock Bravú. A paixón que queima no peito, Vigo: Xerais, p. 25. Feijoo, Pedro (2005): Viva o Fu Remol, Vigo: Xerais.