Documentos aprobados pola Asemblea Constituínte de Estudantes sen Futuro. Asemblea Constituínte ESF | Page 15
Asemblea Constituínte de Estudantes Sen Futuro
"Tecendo na unidade o movemento estudantil"
TESES ORGANIZATIVAS
1. A Organización e os seus principios organizativos
Estudantes sen Futuro é unha organización estudantil de carácter sindical, democrático,
amplo, aberto e asemblear que xorde ante a necesidade de artellar a loita e o
movemento estudantís nos institutos de Galiza como única vía posible para frear os
ataques á educación pública. Estudantes sen Futuro eríxese como estrutura estudantil
permanente. Fronte aos movementos asemblearios de marcado carácter temporal e de
feble constitución orgánica, Estudantes sen Futuro é un proxecto que pretende superar
as debilidades destes mantendo a amplitude, a democracia e a combatividade que os
distingue; á vez que dota ao estudantado de ensino medio de Galiza dunha estrutura
sindical de seu, capaz de dar resposta tanto aos seus problemas cotiáns como ás
ofensivas neoliberais contra a educación pública, así como de organizar ao estudantado
dos institutos en torno á loita por unha educación de e para o pobo. Así, tamén
entendemos como capital a cuestión de xénero, transversalizando o noso discurso
feminista non só nos posicionamentos ideolóxicos senón tamén na nosa práctica diaria e
no noso proceder organizativo, construíndo as ferramentas necesarias para o
empoderamento das mulleres e a loita contra o patriarcado.
Estudantes sen Futuro non se trata dun proxecto definitivo nin último, a evolución deste
deberá traer consigo unha confluencia con outras organizacións estudantís galegas con
vistas á creación dun sindicato estudantil galego que comparta os nosos principios e
posicións, tanto organizativos como ideolóxicos. Asemade, Dende Estudantes sen Futuro
vemos fundamental a coordinación do noso proxecto de sindicato co movemento
estudantil a nivel estatal, así como a colaboración, formación e integración nun
proxecto sindical estudantil amplo e estatal que dea ás nosas loitas un carácter sólido e
cohesionado, en definitiva; unitario.
Por iso, Estudantes sen Futuro participa activamente e é parte integrante da rede
organizada "Estudiantes en Movimiento", coa cal comparte principios, análises e
posicionamentos e en cuxo seo traballa concienciadamente a prol da unidade das loitas
estudantís de todo o Estado. Nesta liña, a nosa organización ve fundamental a
coordinación coas outras organizacións estudantís galegas que integran Estudiantes en
Movimiento, traballando conxuntamente sempre que sexa posible e desexable.
Para facer posible o proxecto de organización estudantil anteriormente exposto,
Estudantes sen Futuro dótase duns principios político-organizativos que conserven e
fagan valer o espírito da organización e impriman a todo o seu traballo o selo de
democracia e combatividade que a caracteriza. Estes principios son:
• Democracia: Entendendo a nosa organización como un espazo aberto á
participación do groso do estudantado e establecendo as canles para que os seus
membros sexan plenos partícipes das decisións e posturas asumidas de xeito que
toda a nosa estrutura organizativa se someta á vontade e ratificación das bases.
15