MEDIANOITE
Sempre houbo contos inusuais, historias que ninguén crería a non ser que as vivisen. E dende logo a
do Rebolido da Agualada non era unha excepción a elas. Non se coñecen moitos detalles, tan só o que
se soubo no lugar.
O home xa había que vivía só nunha pequena casiña, cerrada con mirtos e cunha pequena horta na
parte de tras. Non se coñecía moito a súa historia -cousa rara-, pero a experiencia que viviu non era
moito para contarlla a ninguén.
Despois dun día de traballo coma de cote, entrou na casa para baixa-la cea e deitarse a durmir. Mais,
durante a noite, ás doce, espertou cando tocaron á porta. O que alí había nunca ninguén o criu. Un
grupo de almas colliuno e arrastrándoo polas silveiras levouno hastra o camposanto. Mais non foi esa
a única vez. Todas as noites, sempre a medianoite, as ánimas viñan para levalo dacabalo das silveiras
ata o camposanto mentres el laiaba intentando marchar de alí.
O home, desesperado, xa non vía que facer e foi falar co cura Don José, que era entendido.
–
Eso o que tes que facer é conseguir un gato negro. Cando che chamen á porta, ábrela,
arrebólasllo e cérrala no momento.
E así o fixo. Foi por un dos gatos que andaban por alí de merendeiros e gardouno na casa ata que
chegou a noite. Cando volviu sentir os golpes na porta, a medianoite, agarrou o gato e baixou as
escaleiras. Abriu e guindouno fóra cerrando rapidamente a porta atrás del. Sentiu berra-lo gato, mais,
en canto parou, oiu os lamentos das ánimas. Marcharon chorando e berrando antre as silveiras e
nunca máis voltaron. Nunca soubo delas nin que fora do gato.