Contos Galegos Contos galegos | Page 2

CONTOS DE COUSO Quen nunca sentiu certa curiosidade ao falar das lendas ou maldicións dun lugar? Sede benvidos á parroquia de Couso, un recuncho do concello de Coristanco no medio e medio do monte. Deses sitios con catro casiñas nos que din que o demo perdiu a capa. A igrexa e o camposanto desta parroquia, formada por pequenos lugares darredor como Furoca, Esternande, Ventoso, Currás ou Vilar, son o centro destas historias. A igrexa de Couso atópase nun pequeno adro na ladeira da montaña. Baixando no camiño que vai dar á igrexa pódese ver o tellado e o campanario desta, rodeada dunhas pequenas casas polo lado esquerdo. Seguindo o camiño que pasa por diante delas chégase á súa entrada e á do camposanto no lado de baixo. O lugar está rodeado de árbores que deitan as follas en outono e, cando un se aproxima ao balado da parte baixa, ofréceselle unha vista do monte galego. Será o entorno do lugar ou será o medo á morte o que orixinou as lendas que acompañan este lugar. É ben sabido que cando o camposanto se abre, non se abre para unha persoa soa. Nunca morre ninguén, sen que o acompañen outros nesa tempada. Pero non só é o camposanto, que pode semellar o máis arrepiante. O campanario é empregado para chamar á xente antes de comeza-la misa ou para facer saber á parroquia que a morte lle chegou a algún veciño. Se soan dous toques da campá grande e un da pequena, o morto é un home. Se, polo contrario, é un toque da grande e dous da pequena, é unha muller. A partir daquí, xa os veciños se moven para averiguar a identidade do falecido. Ademais, o seu son incluso permitía coñecer o tempo, pois na Furoca de Couso, un pequeno lugar de cinco casiñas e cinco persoas, sábese que o día en que se oen alí as badaladas da igrexa de Couso ha ser bo. Mais esto non causa ningún estremecemento, non, o arrepío é polo seguinte. Dise mesmo que o vello cura da parroquia Don José o sabe. Ao tocar a campá, débese ter coidado. Se o son continúa demasiado tempo e non remata coma de costume, quere dicir que alguén non tardará en morrer. Pero, aínda máis. Todos sabemos que cando hai un morto, no enterro a máis na misa de ánimas