CONTOS DE COUSO
Alba Pensado Ferreiro
O Día das Letras Galegas do ano 2019 adícase ao historiador, antropólogo e etnógrafo Antón Fraguas
Fraguas. Estes contos recollidos por Alba Pensado Ferreiro son un exemplo da produción do noso
imaxinario cultural que Antón Fraguas aplaudiría, como facemos todos aqueles que estimamos a nosa
lingua e a nosa tradición cultural como o que é: un prezado tesouro. Alba respectou o galego dialectal
da zona da que proceden, as características propias da transmisión oral e a síntese propia do relato ben
trabado. Recibímolos coma un agasallo e como tal querémolo agradecer.
Moitas grazas, Alba, non só polo teu traballo, senón pola sensibilidade e coherencia que amosas ao
adicares parte do teu tempo a escoitar a voz dun mundo que explica como somos e de onde vimos.
Agora ti tamén formas parte desa cadea de transmisión da nosa lingua e da nosa cultura, na que hai
trobadores, reis, mariñeiros, cantareiras, poetas, avós e nais que contan historias…
Oxalá sirva de estímulo para que moitos otros alumnos e alumnas deste noso IES de Sabón desexen
tamén ser elos desa cadea.
Noraboa!
17 de maio, 2019
EDNL do IES de Sabón
Dende sempre, nas aldeas plantábase o millo para poder criar os animais na casa. Sementábase no
verán cos bois e cara a outubro, xa no outono, recollíanse as espigas para despois esfollalas na casa. E
así era que, nos días seguintes tocaba meterse no cabanote, sentarse nun tallo e poñerse a quitarlle a
cazula ao millo para gardalo no cabaz. Se cadra, quedaba unha tarde de treboada, con lóstregos
caendo de cando en vez. Mesmo podía aparecer algún veciño que se xuntase ao choio. Que mellor
momento para botar algúns contos, coa escuridade de fondo.