Revista Mira | Page 16

Programa SHE

Dende hai tres anos o noso centro e 18.000 mil alumnos máis de toda España participan no programa da founndation for Science, Health and Education, programa SHE

O Dr. Valentin Fuster ten o convencemento de que un cambio no estilo de vida da poboación é o único camiño para evitar a extensión das enfermidades cardiovasculares, unha verdadeira epidemia e a primeira causa de mortalidade no mundo.

Ante esta evidencia, e a partir da experiencia acumulada durante a súa carreira, o Dr. Valentín Fuster impulsa a creación de SHE. Unha fundación sen ánimo de lucro que, baseándose na investigación básica e clínica (Science), ten o obxectivo de promover os hábitos saudables (Health) mediante a comunicación e a educación (Education) á poboación .Por iso no noso colexio queremos incidir sobre os factores de risco que afectan aos nenos, co fin de diminuír o impacto das enfermidades cardiovasculares. Pretendemos crear un marco de referencia do que significa e comporta unha educación en saúde integral nestas idades.

Aspiramos a un mundo onde os nenos teñan a capacidade de actuar positivamente respecto á súa saúde.

Así incidimos no coñecemento, actitudes e hábitos respecto á saúde dos escolares, as súas familias e o profesorado.

É sabido por todos que o factor de risco cardiovascular, tanto en adultos coma en idade infantil, é a obesidade e os seus factores asociados como a diabete e a hipertensión, froito dunha alimentación inadecuada e duns baixos niveis de actividade física. Ademais, outros factores de risco das enfermidades cardiovasculares, tipicamente estudados en poboacións adultas, tamén empezan a estar presentes na poboación infantil española.

Tendo en conta os factores principais de risco cardiovascular, e seguindo unha visión global de promoción da saúde (Saúde Integral) que vaia máis alá da prevención da obesidade, o Programa SHE incide en catro compoñentes básicos e interrelacionados entre si:

. Adquisición de hábitos de alimentación saudable.

. Desenvolvemento da actividade física.

. Coñecemento do funcionamento do corpo e corazón.

. Xestión das emocións e fomento da responsabilidade social como factores de protección fronte ás adiccións e ao consumo de substancias estrañas para o organismo (tabaco, alcohol e drogas).

Promovemos a saúde como prioridade incidindo nos factores de risco que diminúen a enfermidade cardiovascular e melloran a calidade de vida.

Queremos crear un marco de referencia sobre o que significa e comporta unha educación en saúde que incida na adquisición de hábitos saudables para toda a vida.