En primeiro lugar necesitamos diferenciar claramente o deporte educativo do deporte de alta competición. Son dúas realidades totalmente diferentes que teñen unhas finalidades enfrontadas, o que nos obriga a formular un ensino tamén diferente.
O deporte de alta competición, que é a imaxe do deporte transmitida a través dos medios de comunicación, presenta constantemente situacións que son rexeitables dende o punto de vista educativo. Isto lévanos a reflexionar sobre o tipo de práctica que desenvolvemos en sesións de Educación Física e adestramentos deportivos. Temos que entender a iniciación deportiva non como a base do deporte de adultos, senón como un contido con entidade propia que nos ten que axudar na formación psicomotora dos alumnos de Primaria.
O tratamento deste contido debe ser moi similar ao resto de contidos propios de Educación Física, cun currículo, que buscará axudar á consecución das finalidades específicas da área nas distintas etapas.
Esta forma de entender o deporte si que ten valor no contexto educativo. Ademais, o deporte é o contido preferido polos escolares para pasar o seu tempo libre, polo que as posibilidades son enormes en relación con outros contidos de Educación Física. Entre outras cousas, a través dun correcto ensino do deporte poderemos conseguir hábitos saudables de práctica deportiva, fomentar a socialización entre os practicantes, ou un desenvolvemento harmónico das calidades físicas.
Educación Física: Deporte para educar ou educar para o deporte?