Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 39
37
Actualmente cómpre destacar as iniciativas arqueolóxicas, da man da
arquiometría, nas que se intenta atopar unha continuade nas zonas oleiras
tradicionais galegas, a través da localización das barreiras naturais ou a
existencia de fornos (caso de Bonxe, Samos ou Buño). Non obstante non
se pode establecer nestes momentos unha liña directa entre un recipiente
castrexo e outro tradicional da mesma zona.
Entre a cerámica castrexa, contaminada polo xigante romano e
os seus avances, e o período tradicional hai numerosas lagoas formais e
tipolóxicas. Consérvanse pezas medievais que se atoparon nos xacementos
urbanos ou núcleos de concentración de poboación, utilizados como alma-
cenaxe de líquidos e sólidos, recipientes de cociña, convivindo con cerámica
importada de corte andalusí, pero sen apenas innovacións ou transforma-
cións destacadas. Algúns modelos medievais de cerámica conservados
remiten a interpretacións rituais ou votivas, tal e como sinalan os estudos
dos recipientes cerámicos atopados no Forno da Santa en Santa Mariña
de Augasantas, transcendendo neste caso o fin utilitario das cerámicas
domésticas.
Os seguintes recipientes cerámicos da mostra son os que xa
encadramos na denominada cerámica tradicional, con exemplos que van
desde 1700 ata os anos finais do século xx, con continuísmo no momento
presente. O que se deu en chamar olería antiga/tradicional, segue vixente
nos artesáns que traballan coas premisas da cerámica continuísta. Dende
Portomourisco, Gundivós Bonxe, Samos ata Niñodaguia ou Buño, viaxa-
remos a través de barros e tonalidades propias de cada zona, de motivos
decorativos, de tipoloxías que son comúns pero adaptadas ás características
e necesidades utilitarias de cada comarca. Almacenar auga, cereal, graxa, o
mundo do viño, cociñar, transportar… son usos similares que atopamos no
pasado castrexo pero os avances tecnolóxicos, os excedentes agrícolas, e
os intercambios comerciais favorecen unha difusión formal e comarcal da
cerámica no período histórico máis próximo.
As lagoas en canto ás idades da cerámica galega están latentes
neste proxecto, pero os novos estudos e ferramentas tecnolóxicas están
abrindo camiños para ampliar a reconstrución desa historia do barro en
Galicia.
A XOIERÍA
A xoiería, especialmente a ourivería, desenvolvida no período castrexo,
está ligada ao adorno persoal pero de xeito parello abrangue unha serie de
símbolos e códigos de comunicación9, que aluden a un prestixio social, e
incluso se vinculan a unha clase de rituais funerarios, en grande medida
descoñecidos, que contribúen á configuración de mitos e lendas arraigadas
no imaxinario colectivo dos galegos. A ourivería castrexa, baseada no ouro
existente nos xacementos auríferos galegos, e xa na Idade do Ferro final na
mestura coa prata, desenvolveu unha xoiería con características propias
abocada á súa extinción coa chegada de Roma10.