Historia do Castanazo-Rock (1993-2014) Historia do Castañazo Rock | Page 27

As dúas almas da formación actual dos Rastreros (Helétrico e Richi) durante os Cantos de Taberna da XII edición do Castañazo Rock. Concernente ás actividades destacar a aposta cada ano máis sucedida do Castañazo Infantil; a impulsión dunha Liga Nacional de Cantos de Taberna e a celebración de máis unha edición dos Cantos ao longo de 12 estabelecementos hostaleiros da vila e contando con 12 grupos, dous máis que en outras edicións; a exposición que conmemoraba os 20 anos de bravú desde unha ollada centrada en Chantada (e que se estreou o 13 de setembro na homenaxe aos vinte anos do Manifesto de Viana, en que participou activamente na organización a Asociación Cultural “O Castanhazo”, xunto a outras entidades do país do Faro: Casa do Barqueiro, Cineclube os Papeiros, Chantada Films...); e, como non, os Xogos ou Olimpíadas Bravús, que xa contan cunha longa tradición e aceptación. A calidade das bandas, a asistencia de público, o ambiente de festa total, a entrega de ducias de asociadas e de colaboradores que conforman a asociación.... levan a unha única conclusión posíbel: veñan máis mil Castañazos! Xa estamos traballando de cheo na edición do 2015 que, polas datas, cadra para facer dous días de xoldra e cultura galega para o próximo mes das castañas. Saúde e bravura!