Historia do Castanazo-Rock (1993-2014) Historia do Castañazo Rock | Page 13

A nova localización elixida foi o mercado gandeiro, onde aínda se segue celebrando na actualidade, como saberán os milleiros de festivaleiras e festivaleiros que cada mes de novembro se desprazan até Chantada. O espectáculo correu a cargo de bandas hoxe de culto na música galega como o Caimán do Río Tea, Impresentables, Papaqueixos, Diplomáticos, Kaos, Skornabois e Túzaros. Foi a primeira edición que non contou con ningunha banda de Chantada sobre o escenario. Mais iso era o de menos, xa que en tan só tres anos o Castañazo converteuse nun dos mellores festivais de Galiza polo que pasaba o mellor do panorama musical galego e co engadido de que era unha época onde os festivais non abundaban como na actualidade sendo, xa que logo, pioneiros. IV CASTAÑAZO-ROCK (1996): QUE IMPORTA SE MORREMOS SE DEIXAMOS SEMENTE DE VENCER? O disco dos Rastreros, editado por Edicións do Cumio, e cuxo subtítulo era ben suxerente: A piñón fixo e a golpe de pixo. A IV edición tíñao francamente difícil para superar o xa visto en anteriores edicións. Aínda así foi a ocasión escollida para presentar o primeiro (e aínda hoxe único, se ben andan preparando un novo) disco dos Rastreros, toda unha xoia que mantén intacta a súa frescura. Outra novidade foi contar con artistas recoñecidos de fóra. Naquela edición Chantada recibiu Manolo Cabezabolo, que estaba en pleno auxe. Ademais, para completar outro fermoso cartaz contouse coa banda chantadina Os Tabernícolas e O Caimán do Río Tea, que entraban na merenda de todas as galegas e os galegos através do Xabarín Clube co seu tema “Estou na lavadora”.