Contos Galegos Contos galegos | Page 11

Núñez, facéndose o gaucho. – Ti di o que queiras, pero maldito mentiras son – contestoulle o Redondo. Botáronse a durmir, pero xa o Redondo quedou matinando. Colliu unha noite un bolón, fíxolle uns buratiños e botou dentro un foco. Foi daquela esperar ao de Núñez ao camiño, agochouse atrás duns toxos de lado da cuneta e agardou a que pasase diante. Daquela, prendiu o foco e tremando del botouse a andar atrás do home. Manuel vía varias luces – os buratiños – polo camiño e apurou o paso xa co medo no corpo. O Redondo apuraba o ritmo acanda el e o outro xa daba cos pés no cú. Cando chegou á eira da casa, corriu cara a cancela e cerrouna de golpe. Daquela o Redondo berroulle: – Ei! Abre a porta que eu tamén quero ir durmir – Pero que fas? - o de Núñez falaba aos poucos, tirando polo alento – A pouco máis pégoche un tiro! – Non, o tiro pegarasmo agora, que polo camiño maldito mo pegabas – e escachou a rir. Tamén tío Varisto da Viuda fixéralle unha así a seu irmán José. Era bo polo. Pasáralle algo parecido ao que lles pasou ao Redondo e ao de Núñez. O mesmo lle dicía José, que era todo unha parvada. E el fora un día que seu irmán salira -disque ás mozas, coma de costume-, botara unha saba por riba da cabeza e fórao esperar ao Liñeiro, arriba da costa de detrás do forno. A noite aínda non era moi escura e o irmán non tardou en velo. Parou en seco e foi dando a volta e volvendo cara á casa. Cando chegou, non dixo nada nese día. Mais contoullo á noite seguinte a Varisto, que lle parecera ver unha ánima, arriba da costa e que por iso dera volta. Entón, contestoulle: – Ti non digas nada, pero eu tamén a vin. Non sei que sería, pero deste mundo non era. E despois estaba meu irmán. Que viña eu un día pola Regueira coa vara na man, cando sentín o ruído dun bicho de par miña. Agarrei a vara e funlle arrear con toda a forza. Foi daquela cando saliu de antre a maleza e berrando “son eu, son eu”. Quedoulle o pau a cinco centímetros. Despois el ríase e dicía que era un medoso - “pobriño que medo colliu”-. Xa, medo habíao coller el, que a pouco máis rómpolle a cabeza.