NON TODO É O QUE NON PARECE
É certo que había historias que facían a un perde-lo sono e que semellaban seren mentira. Pero, había
veces nas que era, en realidade, mentira. En ocasións, algúns aproveitábanse do medo que este tipo de
contos provocaban na xente, ou ben para rir un anaco, ou ben para outras cousas como facía Lelo do
Cocheiro. O home andaba por ahí á roubeta, buscando a ver que podía apañar ou onde lle había ser
máis fácil facelo. E desta vez tíñalle o ollo botado aos nabos de Rogelio de Grixoa. Pero, este último xa
andaba coa mosca detrás da orella e foi garda-los nabos sentado no balado da leira coa vara
descansando ao carón. Cocheiro, que xa o vira e non quería quedar sen os nabos, empezou a cavilar e
alumiáronlle os ollos cando deu coa trasnada que ía facer. O de Grixoa seguía sentado, xa coa murga
enriba, mais logo espabilou o sono ao sentir:
–
Antes que estabamos vivos, comiamos destes nabos cocidos... Ahora que estamos mortos,
comemos destes raigotos... - e soaba unha campaíña.
O home púxose en pé coa vara na man intentando adiviñar que pasaba, xa co sudor polo lombo
abaixo. Entón, Cocheiro volviu repetir o dito, cun ton de pantasma, e a tocar a campaíña dende máis
cerca. O outro xa non sabía onde había meterse e volveu cara á casa co paso apurado. Cocheiro
seguiu atrás del, xa correndo, repetíndoo unha e outra vez co son da campaíña ao acabar.
O de Grixoa, chegou case sen alento e díxolle á familia “non vaiades á leira, deixádelle comer os que
queiran. Aínda é unha regalía que os coman. Que a saber a falta que teñen”. A máis nunca máis
volviu quedar fóra gardando na leira. Mentres, o Cocheiro escachaba a rir e marchaba co mando de
nabos no brazo.
Doutra vez fora o Redondo, Pepe de Vieite, que llas fixera pasar boas a Manuel, o de Núñez. Era
sabido que polo camiño de Vieite pasaban as luces, sempre á mesma hora. O de Núñez viña de ir ás
mozas a Vieite e quedaba moitas veces a dormir na casa do Redondo. Sempre se levaran moi ben.
Manuel durmía na habitación con el e deron unha noite en falar do tema.
–
Non me veñas con eses contos que non son máis ca pantasmadas – dicíalle o de