XALOLÍN 2014 XUÑO 2014 | Page 2

1

17 de maio

,i

O título do noso editorial reflicte un desexo, conseguir que todos os días parezan 17 de maio, procurar que o uso da lingua galega se converta en algo normal. Ese día podemos ver as portadas da prensa galega na nosa lingua, podemos escoitar informativos de emisoras de radio estatais en galego cando habitualmente os fan en castelán e así poderiamos seguir con máis exemplos.

Desde que chegou a crise desapareceron case todos os medios de comunicación impresos na nosa lingua, así que a pesar de non telo previsto no Proxecto inicial, decidimos cando menos facermos unha revista virtual, en rede, e imprimir algún exemplar. Tratamos tamén de que quen estea interesado a poida imprimir. É unha maneira de publicitar algunas das actividades que se fixeron no centro relacionadas coa nosa lingua ao longo do curso. Evidentemente, non están todas, así que en primeiro lugar pedimos desculpas a quen lle pareza que falta algo importante na revista. En segundo lugar, queremos dar as grazas a todos e todas aquelas que nos deron material para publicar e que foron realizando actividades ao longo do curso.

Nun centro educativo teñen grande relevancia para o galego aquelas actividades que se fan arredor de feitos culturais, tradicionais, literarios, relacionados coa nosa lingua: a Semana das Letras, o Samaín, o Congreso da Mocidade coa Lingua… Mais, coidamos que o que dá un salto importante na normalidade e uso da lingua son todas aquelas outras actividades que se fan en galego sen teren a ver co idioma, organizadas por ciclos, departamentos, profesorado, alumnado...

Desde o EDLG agardamos que vos guste a revista, informámosvos que unha das vantaxes de ser en rede é que se pode variar: así que poderiamos aumentar as páxinas e material coa vosa colaboración, rectificar algún dato que estea mal, etc. Tamén agradecemos que lle deades publicidade e que enviedes o enlace a quen coidades que lle poida interesar.