PROXECTO 110
Hoxe é 22 de maio de 2014. Día especial para a vila de Carral, pois hai 110 anos que se levantou nela un monumento en honra dos Mártires de Carral. Tentaremos honralo ao longo do ano con actividades arredor do Monumento e o nº 110, como estas historias de 110 palabras.
Cando amenceu había moita xente arredor do monumento vendo o porco do Alcalde, Quinín. Amencera atado no monumento. A xente dicía que fora o alcalde quen o puxera alí para que mirasen o gordo e grande que estaba. En realidade fora porque unha tradición dicía que quen durmise unha noite enteira no monumento tería vida para sempre. O alcalde de Carral aclarouno nunha rolda de prensa: “Eu deixei o meu porco unha noite enteira, porque quero que viva para sempre”. A xente burlouse del, porque pensaron que estaba tolo. Pero o porco chegou a vivir 209 anos, morreu a causa dun accidente. Esa tradición, en realidade, só funcionaba cos animais.
RODOLFO TORRES
“Fixéchelo ti”
Unha noite de lúa chea, ía camiñando cos meus amigos preto da Praza da Capela, fronte ao Monumento dos Mártires de Carral, cando un dos meus colegas decatouse de que había algo escrito. Era unha pintada que dicía: “Fixéchelo ti”. Quedamos abraiados ao ver esta pintada. Estivemos un tempo aterrados porque nunca tal cousa viramos e aínda por riba no noso querido monumento. Fomos correndo para o Concello a contarllo ao alcalde ou a quen estivese, pero antes, saqueille unha foto para que non desaparecese ou algo polo estilo. A sorpresa leveina ao ver a imaxe, era diferente… aparecían os nosos Mártires sorrindo cara a cámara. Que simpáticos!
UXÍA CASTELO