Revista Mira - Page 5

De campamento na Granxa – Escola Fervenza do Toxa

Experiencia inesquecible para os nenos e nenas, e para os mestres que os acompañamos. Os días 21 e 22 de abril o alumnado de 6º de Educación Infantil (5 aniños), mochila ás costas, marchamos de campamento a un lugar paradisíaco. No entorno natural do río Toxa e da súa coñecida fervenza está a Granxa – Escola; unhas instalacións moi completas, cun persoal altamente preparado e con moitas posibilidades de actividades para pasar uns días en contacto directo coa natureza en todo o seu esplendor.

DURMINDO SEN MAMÁS NIN PAPÁS

Agardando para subirmos ao autocar que nos ía trasladar ate o campamento, xa se respiraba o nerviosismo e a ilusión destes peques de Infantil. Para a inmensa maioría, por non dicir todos por medo a equivocarme, ía supor a primeira noite fóra do fogar sen a presenza e os coidados de mamá ou papá. Tamén a primeira experiencia en contacto directo co mundo do agro e con todo o que leva parello, os animais, a agricultura, as cores das nosas fragas, dos nosos ríos...

Pasárono / pasámolo marabillosamente! Plantaron leitugas, coidaron dos animais, subiron nun cabaliño, fixeron pan... ata escalaron “montañas” no rocódromo. Foi tal a intensidade das actividades que o maior medo que podiamos levar os coidadores -que non fosen quen de durmir tranquilos sen a presenza dos pais- desapareceu por completo ao durmírense todos como anxiños nada máis entrar nos seus sacos de durmir.

En definitiva, unha experiencia a repetir e unha lembranza, quizais imborrable para estes nenos e tamén para os papás e mamás que, ben seguro, foron os que peor o pasaron.