Revista Mira | Page 3

LIMIAR

Rematamos o Curso Escolar e, debemos celebralo polo éxito conseguido, con esforzo, ao longo de todo un ano escolar.

Durante as vacacións non se vos esquezan os momentos vividos, o compañeirismo, os amigos, o gusto de traballar en equipo, a satisfacción de ter culminado os vosos proxectos, os momentos de encontro con Xesús, etc. Agora toca descansar e gozar do tempo libre.

A todos felicítovos polo esforzo que fixestes para dar o mellor de vós mesmos e invítovos a que aínda fóra do Colexio amosedes, a todas as persoas coas que vos relacionedes nestes días de descanso, as vosas virtudes morais aprendidas no Miraflores e aproveitar todo o bo e construtivo que encontredes no voso camiño.

Son moitos os eventos que se levaron a cabo ao longo do curso e onde temos que agradecer ás familias o seu apoio, porque sen el, non tivésemos logrado con éxito as metas que nos propuxemos: A convivencia de toda a Comunidade Educativa, compartindo a Fe en Xesús Resucitado, levándonos a ser testemuñas do seu amor e entrega.

Non podo rematar sen recordar que o Proxecto Educativo Miraflores vai máis alá das aulas; é un proxecto de vida que debe crear en todos nós un estilo de ser e de vivir. Un dos elementos esenciais deste proxecto recórdanolo Madre Trinidad: Afondar no sentido espiritual da nosa existencia dende unha actitude contemplativa e, isto, vívese nos Oratorios, lugar que nos brinda a ocasión de encontrarnos, a soas, con Deus Noso Señor, gozando duns momentos de recollemento e paz.

Damos grazas a Deus por tantas oportunidades que nos dá e a todas as familias un profundo agradecemento por todo o cariño que mostraron e axudaron a que o noso centro estea sempre moi activo, pois un colexio sen actividades é un colexio sen vida.

A todos, Felices Vacacións!

Sor Josefina Martínez