O estoupido (2019) | Page 3

LIMIAR

Estamos a piques de rematar outro curso.

Xa case non nos restan días e pouco queda para que nos despidamos. En setembro o fin de curso sempre parece algo afastado e distante, pero... á fin chegamos! Semella mentira que pasara tan rápido. O outono pasou voando e deixou un feixe de follas arremuiñado ás portas do cole; o inverno anegou de auga os patios e trouxo unha chuvia friísima e cristais embazados; os tempos do entroido deixáronnos moreas de filloas e orellas recubertas de azucre; e abril, o que Rosalía chamaba o mes das flores (“nasín cando as prantas nasen, no mes das froles nasín...), tróuxonos as floriñas que tan ben luciron nos maios. Daquela xa vimos que pouco quedaba para o remate. O certo é que deixamos atrás un curso cheo de vida, cheo de lingua e cheo de palabras. Vós escollestes as que máis vos gustaban para penduralas da parede de entrada ao colexio: xoaniña, raiola, bolboreta, avelaíña, faísca, axóuxere, berce, raposo, morriña, toxo, folerpa ...

Agora é o noso traballo conseguir que non queden só penduradas nas paredes, pois as palabras tamén queren ser faladas.

Pensemos, falemos, escribamos, soñemos e berremos en galego.

Creade novas lembranzas en galego, pois vós mellor ca ninguén tedes o poder de facer que viva a nosa lingua.

Este foi ademais un curso especialmente verde no que a reciclaxe xogou un papel fundamental. Aprendemos, entre outras cousas, que todos xuntos podemos facer non só un cole mellor, senón un planeta mellor. Foi un ano cheo de experiencias. Ao longo das seguintes páxinas atoparedes un

resumo do que os nenos e nenas do CEIP Lamas de Abade fixeron durante este curso. Tantos meses de esforzo e traballo deben ter agora a súa recompensa.

Toca descansar. Disfrutade das vacacións, brincade, ide á praia, pasade o tempo coas vosas familias e vivide o verán como só vós sabedes

vivilo. Pero, sobre todo, aprendede: abride ben os ollos e as orellas e aprendede todo o que poidades porque descubriredes que podemos disfrutar mellor das cousas que hai no mundo se as coñecemos ben. Aos que deixan o cole, desexámoslles moita sorte no próximo curso e na nova etapa! Aos que quedan por aquí outro ano máis, o próximo ano volveremos coas pilas cargadas e as mochilas baleiras para encher coas experiencias que nos brinde o novo curso.

Boas vacacións a todos e todas!

MARÍA LORENZO