Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 9

Nas mans das e dos artesáns reside moito máis que os segredos dos oficios. Atopamos nelas os sucos da historia, mais tamén as liñas doutro futuro posible, dun tempo máis próximo, humano e conectado ao territorio. A través das técnicas transmitidas e melloradas por xeracións de «face- dores de obxectos», reivindicamos todo aquilo que nos fai singulares e afianza a nosa identidade fronte ás correntes homoxeneizadoras. «Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia» achégase á figura das artesás e dos artesáns superando o estereotipo do vello mestre illado no obradoiro para ofrecer o retrato dun sector dinámico, unha actividade económica en expansión que dá traballo a máis de cinco mil persoas, un emprego sustentable, maioritariamente feminino e que permite asentar a poboación no rural. Consciente de que apoiar a artesanía é apostar polo futuro, a Xunta leva anos desenvolvendo unha estratexia que sitúa a marca Artesanía de Galicia no seu centro, convencida da necesidade de prestixiar, dar a coñecer e abrir novas vías para comercializar os produtos dentro e fóra das nosas fronteiras, apoiando a innovación, a alianza con outros sec- tores produtivos, como o turismo ou a gastronomía, así como a formación de aprendices que garantan o relevo xeracional. Son moitos os logros acadados e cumpría deterse a explicar por que Galicia ten hoxe unha das mellores xeracións de artesáns e artesás da súa historia, con nomes como Idoia Cuesta, Marta Armada e Susi Gesto, entre outros moitos. Sabemos ben que o aprecio xorde do coñecemento e, por iso, precisamos de accións divulgativas, como esta exposición. Con este obxecto, abrimos a Cidade da Cultura para amosar como as pezas expostas constrúen o relato das nosas orixes, pero tamén dan conta de que a artesa- nía galega contemporánea está presente no mundo con máis forza creativa ca nunca, atraendo a ollada de cociñeiras como Carmen Ruscalleda, de marcas como Loewe e de feiras como Maison & Objet de París. Mais se o apoio aos artesáns resulta imprescindible, non abonda. Coa ollada posta no exemplo de países coma O Xapón, Italia ou O Reino Unido, debemos fomentar entre a cidadanía o gusto polo artesanía, a capa- cidade de apreciar a beleza do feito man, do fabricado coa materia que nos rodea, innovando a partir de técnicas conectadas coa nosa historia. En definitiva, «Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia» non persegue outra meta que recoñecer a aqueles e aquelas que, traballando con esa mestura de tempo e saber, acadan a capacidade de conferirlles ás súas pezas a categoría de obxectos únicos. Alberto Núñez Feijóo Presidente da Xunta de Galicia