Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 79

77 Outros cestos que había na casa era os que se usaban para levar a roupa a lavar ao río ou ao lavadoiro. Nalgunhas casas tiñan a cesta da colada, na que se metía a roupa que se quería clarear, botándolle por riba auga fervendo con cinza e xabón; feita de vergas, a cesta da colada levaba como complemento a rolla ou rolleiro, unha tapa de palla de colmo tecida. A roupa limpa e co ferro pasado dobrábase e colocábase nunha banastra en forma de bandexa alongada e de paredes moi baixas. A CESTARÍA NA INDUMENTARIA Na indumentaria das clases populares galegas facíanse dúas pezas de ves- tir coas técnicas cesteiras: as corozas e os sombreiros de palla. As corozas eran unhas pezas impermeables feitas xeralmente de xuncos que se poñían para protexerse da chuvia. Podían ser de diferentes formas, desde unha sinxela capa con carapucha nunha mesma peza, ata a máis completa formada por carapucha, capa longa provista de esclavina nos ombreiros e un par de polainas. Os sombreiros de palla de máis sona en toda Galicia son os coñecidos como sancosmeiros, porque se facían na parroquia de San Cosme de Outeiro, no concello de Outes. Estaban elaborados con palla de centeo facendo finas trenzas cos bordos rematados en picos. Os de muller levaban a copa baixa e aba moi ampla e ían adornados cunha fita negra ao redor da copa rematada en dous cabos que caían pola parte posterior e un reberete da mesma cor no bordo da aba. Os de home tiñan a copa algo máis ancha e a aba máis curta; tamén levaban a cinta negra ao redor da copa, pero sen os cabos caendo por detrás. Pola parte interior forrábanse con tea e tiñan unha barbelas para atalos debaixo do queixo. Na zona da Estrada tamén se facían chapeus, nesta caso con palla de trigo formando unha trenza ancha e de bordos rectos. Eran somb- reiros grandes de copa e aba moi amplas. OUTROS USOS DA CESTARÍA Moitos oficios empregaban os cestos para o transporte da ferramenta e dos produtos manufacturados que levaban vender ás feiras. Os albaneis usaban cestos resistentes e fortes para carrexar pedras e terra. Os car- boeiros tiñan uns cestos en forma de pa cos que metían o carbón vexetal en sacos. Na industria conserveira empregábanse grandes cestos para transportar as latas baleiras dentro das fábricas. Na provincia de Lugo, para a caza do coello empregaban o cestín do furón, unha cesta de vergas de forma alongada e con tapa onde se levaba o furón para soltalo na tobeira do coello, obrigándoo a saír. Un dos xogos da infancia era cazar pequenos paxaros e tamén grilos, que se leva- ban nunhas gaiolas de vimbios. Outro xoguete infantil, para as crianzas máis pequenas, era o axóuxere, feito de xuncos e con pedras ou carabuñas de cereixas no seu interior.