Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 77

75 [fig. 5] Venda de peixe na Ribeira do Berbés, Vigo. Venta de pescado en la Ribeira del Berbés, Vigo. Na pesca a pé con cana, tanto no mar coma no río, as capturas gardábanse no carabelo ou cacifo, unha cesta de vimbio pelado provista dunha tapa e dunha correa para pendurala do ombreiro. A CESTARÍA DOMÉSTICA Era habitual que nas cociñas das casas houbese cestos auxiliares de dife- rentes tamaños para gardar alimentos como patacas, hortalizas, froitas, pan, ovos etc. A carón da lareira ou da cociña de ferro estaba sempre o cesto da leña, onde se xuntaban a madeira, as piñas e os carozos de millo cos que se alimentaba o lume; e para avivalo empregábase o abano do lume, feito dunha póla de carballo aberta en varias tiras tecidas cunhas vergas estreitas. Sobre o lar pendurábase o canizo da lareira, similar ao de alisar a terra e no que se poñían a curar e afumar os chourizos, as casta- ñas, os lacóns, os queixos e outros alimentos. Tampouco faltaban os cestos da comida, nos que se levaba o xantar ás terras de labor cando o traballo agrícola non permitía parar e volver á casa. Eran de moitos tipos, pero as máis características eran as cestas de vimbio pelado ovaladas ou rectangulares cunha asa en aro e con dúas tapas [FIG. 6] . Tamén se empregaban para levar a merenda o día da romaría, aínda que nalgunhas casas tiñan cestas máis adornadas e requintadas para eses días especiais. Outro modelo de cesta da comida era a carabela ou bucela, tamén de vimbio pelado e de forma rectangular, pechada cunha tapa provista dunha asa. As máis antigas levaban a asa e os peches de vimbio, que co tempo foron substituídos por pezas metálicas. En Vigo recibe o nome de cesta ferroviaria, porque era a que utilizaban os traballadores do ferrocarril para levar o xantar. Ambos os modelos de cestas da comida tamén se empregaban para ir ao mercado.