Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 75

73 corres pechada pola parte superior e cunha pequena porta na inferior, onde se deitaba a galiña choca. A CESTARÍA MARIÑEIRA No litoral os cestos tamén eran un elemento auxiliar fundamental, aínda que moitas veces o seu uso non era exclusivo para as faenas do mar. Normalmente os cestos empregábanse tamén para os labores do campo, pois as familias mariñeiras adoitaban complementar a súa actividade pes- queira co traballo de pequenas explotacións agrícolas. Os terzos, os cestóns e os muñicos da ría de Vigo, feitos de madeira rachada, son un claro exem- plo desta dobre utilidade. O principal uso dos cestos do mar era a almacenaxe, descarga, transporte e venda do peixe. Nos barcos as capturas almacenábase nos canastros [FIG. 4] , grandes cestos de vimbio sen pelar e de forma rectangular, provistos de dúas asas feitas de cordas. Facíanse de diferentes capacidades, desde 60, 80, 100 e ata 200 quilos. Nos peiraos e nas vilas e aldeas mariñei- ras, as peixeiras levaban a súa mercadoría nas patelas [FIG. 5] , grandes cestas de madeira rachada de paredes moi baixas, case planas, que permitía mos- trar todo o peixe sen que se esmagara. Había outras patelas máis pequenas, coñecidas como patelas do quiñón, que servían para levar a parte proporcio- nal da pesca que, polo sistema tradicional de repartición de ganancias, lle correspondía a cada membro da tripulación do barco. Nos peiraos era habitual atopar as esportas ou cestas do palan- gre, unha arte de pesca formada por unha longa tralla que leva atadas unha serie de tanzas rematadas nuns anzois. Para evitar que se enlease, o palan- gre recollíase nunha cesta de vergas, de pouco fondo e paredes abertas e que levaba no bordo un anaco de cortiza ou de corda no que se espetaban os anzois coa carnaza. No marisqueo a pé, as mariscadoras apañaban as ameixas e berberechos no cesto de mariscar, de pequenas dimensións e con asa en aro, feito de vergas cun tecido máis aberto que permitía lavar as capturas no propio mar. Outras pezas de cestaría empregadas na pesca, tanto marítima coma fluvial, eran as nasas, especie de trampas que variaban de tamaño e forma dependendo da especie que se quixese capturar. Podían estar feitas de vergas ou de varas e todas levaban dúas bocas: unha estreita con forma de funil invertido cara ao interior, que permitía pasar o peixe, pero que impedía a súa saída, e outra máis ancha, pechada cunha tapa de madeira ou de cortiza, que servía para baleirar o contido da nasa. Amarradas ao tecido das pare- des, levaban unha pedras que permitían lastralas no fondo do mar ou do río cando eran largadas. Había outra especie de nasas máis grandes (os nasóns) que, a diferenza das nasas, tiñan unha única boca e non levan pedras para lastralas, porque non tiñan que ir ao fondo. Estes nasóns pendurábanse da borda do barco, mergullados na auga, e servían de viveiro, ben para levar cebo vivo ou ben para ir recollendo as capturas e mantelas vivas e frescas.