Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 63

61 MATERIAIS E TÉCNICAS En Galicia a materia prima principal da cestaría é a madeira das diferentes especies arbóreas. Existen dúas maneiras de traballar a madeira: a cesta- ría de vergas ou de madeira rachada e a cestaría de varas ou de corres. A cestaría de madeira rachada ou de vergas emprega, entre outros, os troncos de carballo (Quercus robur), castiñeiro (Castanea sativa), salgueiro (Salix alba), freixo (Fraxinus sp.), bidueiro (Betula sp.) ou cerdeira (Prunus avium) fendidos nunhas delgadas láminas, as vergas, suficientemente flexibles para poder tecelas entre si. Estas vergas entrecrúzanse formando un tecido en forma de taboleiro de xadrez, no que unhas actúan de urda e outras de trama. As formas dos cestos de vergas son moi variadas: hainos de paredes moi baixas, como as patelas, ata cestos de máis dun metro de alto, como os cestos carrá. Hainos cadrados e rectangulares, cunha asa en aro ou con dúas laterais e incluso sen asa; estas poden ser un sinxelo recorte debaixo do bordo do cesto ou ben engadidas no seu tecido. As pólas máis delgadas e flexibles das especies arbóreas antes mencionadas tamén se utilizan na cestaría de varas ou corres. Pero nesta técnica a materia prima principal é o vimbio (Salix viminalis), arbusto de pólas moi flexibles que se cultiva preto das casas e nos prados. A principal característica da cestaría de corres galega é que os cestos, o mesmo ca na cestaría de vergas, son de fondo cuadrangular feito cun tecido en perpendicular, entrecruzando as varas da urda coas da trama como se se tratase dun tecido liso feito no tear. Esta é unha singularidade da nosa cestaría porque normalmente os cestos de corres son de fondo redondo, feito cunhas varas dispostas en aspa sobre as que se tece con outras varas en espiral. Esta forma de tecer os cestos é propia da cestaría fina, das banastras e canastras de uso doméstico que saen dos obradoi- ros urbanos e das mans das canasteiras xitanas que percorrían as aldeas vendendo as súas cestas. Un xeito peculiar de facer os cestos de varas, que aparece docu- mentado no Barbanza e na ría de Muros e Noia, é o de comezar o cesto pola boca. Para esta técnica empréganse unhas varas grosas ou patróns que se espetan directamente no chan ou nunha especie de mesa cunha serie de furados formando círculos concéntricos [FIG. 1] . Estes patróns van ser a urda do cesto e sobre eles vaise ir tecendo con varas máis delgadas e flexibles ata completar as paredes; finalmente, dóbranse os patróns e entrecrúzanse con outras varas nun tecido perpendicular para rematar o fondo do cesto. Na cestaría de corres, o vimbio pódese empregar coa casca ou pelado, na súa cor natural ou tamén tinguido co tanino da propia casca despois de fervelo. Normalmente as varas empréganse enteiras, pero para cestas máis finas e de menor resistencia o vimbio féndese lonxitudinal- mente en varias tiras moi delgadas e flexibles. As cestas e cestos de corres poden ser redondos, cadrados ou ovalados, incluso de paredes curvas,