Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 61

59 A cestaría, a arte de tecer fibras vexetais para a elaboración de cestos e outros obxectos, é unha das máis antigas técnicas artesanais empregadas polo ser humano; a súa orixe, coma a do tecido e a da olaría, remóntase á Revolución Neolítica. No caso da cestaría, a fraxilidade dos materiais empregados e as condicións climáticas e edafolóxicas de Galicia fan que apenas se con- serven restos de épocas antigas. Aínda así, nos últimos anos apareceron restos de madeira en contextos castrexos e romanos en que se produciron condicións especiais que permitiron a preservación destes restos orgáni- cos. Unha desas circunstancias é a carbonización, ben porque a madeira foi queimada nun lar como combustible ou ben por efecto dun incendio. Este é o caso dos restos carbonizados dun cesto aparecido en Castromaior (Portomarín, Lugo) da Idade do Ferro, datado arredor do século ii a. c. Aínda que son restos moi fragmentados, parece que se trata dun cesto feito cunha técnica mixta que combina as vergas para a armazón e as varas para o tecido. Tamén podemos documentar o uso da cestaría a tra- vés de testemuños indirectos, como as impresións de ramas entretecidas en arxila, as decoracións de entrelazados talladas en xambas e linteis de pedra, ou mesmo pola aparición dalgunha ferramenta como o bastrén do castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), unha coitela de dous mangos para labrar a madeira, que é un claro antecedente da mesma ferramenta empregada na cestaría para facer as vergas. Sen dúbida, a cestaría foi unha das artesanías máis espalladas por toda a xeografía galega. Na nosa sociedade tradicional os cestos for- maban parte da vida cotiá das familias e constituían un elemento auxiliar fundamental nas tarefas labregas, mariñeiras e domésticas. Ademais, as técnicas da cestaría empregábanse para facer todo tipo de obxectos, desde apeiros agrícolas e artes de pesca ata pezas de indumentaria e xoguetes. Desde hai xa algunhas décadas, a cestaría tradicional vén sufrindo un notable retroceso por mor de diferentes causas que afectan, por unha parte, á obtención da materia prima, como os incendios forestais que asolan os nosos montes e a forte repoboación con eucaliptos, cuxa madeira non se aproveita para a cestaría. Por outra banda, o uso xeneralizado de bal- des ou caldeiros de plástico na agricultura e na pesca, e de caixas tamén de plástico e de poliestireno expandido no transporte e comercialización dos produtos agrícolas e mariñeiros relegou os cestos galegos a simples obxec- tos decorativos, que ademais teñen que competir coa cestaría procedente do mercado asiático, con prezos moito máis baratos. Con todo, aínda quedan artífices da cestaría en Galiza que seguen apostando por esta artesanía, optando ben polo emprego de materiais e técnicas tradicionais para reproducir as pezas tal e como eran antigamente, ou ben por unha cestaría contemporánea que fusiona e expe- rimenta con diversas técnicas e materiais para obter novos obxectos con diferentes usos e aplicacións.