Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 47

45 As exposicións da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela teñen un carácter transdisciplinar. Exposicións como «Orinoco» ou «Da árbore á cadeira» non terían cabida nun museo dedicado puramente á pintura, ao deseño industrial ou á etnografía. Máis que expoñer obxectos, estas exposicións expuxeron feitos culturais1, sucesos que ocorren e resul- tan relevantes para moitas disciplinas e, máis aínda, que non poden ser entendidos a posteriori sen cruzar as fronteiras da antropoloxía, a estética, a historia da arte ou a cultura material. Esta perspectiva, compartida por outras institucións tan influentes e determinantes para o pensamento contemporáneo como o Vitoria and Albert Museum, é a única capaz de caracterizar de forma holística as manifestacións da cultura. Os contidos destas exposicións son, en contraste cos doutras institucións, produci- dos de forma específica baixo unha mirada curatorial incisiva, atrevida e esplendidamente informada. Non se trata tanto de agrupar obras reputa- das, que xa forman parte dos circuítos internacionais itinerantes da arte, coma de construír un escenario para a compresión global dun fenómeno complexo. Cando tivemos a enorme honra de que contactasen con nós para deseñar a museografía da exposición «Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia», pensamos que o noso traballo debía con- tribuír mediante un deseño ad hoc e específico a ese carácter inquisitivo e transversal. O estudo da artesanía como un fenómeno de importancia subs- tantiva para a arte, a cultura, a política e a socioloxía reanimouse recente- mente. É probablemente a obra de Richard Sennett nos seus dous libros recentes —El artesano (2009) e Juntos: Rituales, placeres y políticas de la cooperación (2012)— a que supuxo o pulo definitivo para que a artesanía sexa considerada un suceso de interese para o terceiro grao académico e para a comprensión filosófica e ontolóxica de quen somos. Durante anos, a discusión sobre a importancia da artesanía produciuse en moitos casos, e con escasa repercusión, nas escolas de artes e oficios, que carecían da aparataxe académica que avala os doutoramentos, teses e tribunais dou- tras institucións académicas. O movemento e a cultura modernas contribuíron enormemente ao descrédito da artesanía porque promulgaron unha alianza acrítica coa industria e prometeron un futuro de progreso sen límites onde o descoñe- cido era sempre a mellor opción. Pero cando a modernidade apenas come- zara a albiscarse, a artesanía tivo un momento de gran prestixio e aten- ción pública co movemento Arts & Crafts, que naceu en Inglaterra, pero que tivo enorme influxo en lugares como Austria, Bélxica ou a Barcelona modernista. O noso deseño expositivo quixo rescatar un libro fundamental para esa época, Las siete lámparas de la arquitectura, escrito en 1849 por John Ruskin, porque, aínda que se dedica á arquitectura, as reflexións sobre a artesanía e as súas aplicacións son abundantes e troncais.