Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 391

389 Agora proceden das escolas de Artes e Oficios, as escolas de Arte e superiores de Deseño, o Deseño Industrial, as Belas Artes, a enxeñería ou a arquitectura entre outras formacións. O BINOMIO PEZA–ARTESÁN/Á O binomio peza-artesán/á conforman o obxecto expositivo contemporáneo da mostra. Neste caso márcase claramente a autoría e a reflexión sobre unha arte ou oficio historicamente denominados como colectivos, na que agora se recoñece unha man propia, froito de moitos procesos experimen- tais. A exhibición destas obras nos expositores quere afondar na forma- ción, a investigación e experimentación na artesanía actual. O debate local e global tamén se manifesta nestes obxectos a través da experiencia de cada autor ou obradoiro, pois en moitos deles a marca do local é a propia natureza do seu traballo. Redundar de novo no concepto da fusión de usos e materias aclara a existencia de linguaxes diversas que se atopan nesas permeables fronteiras nas que ás veces xorden os obxectos artesáns e acontece a creación. Moitos dos artífices das pezas da mostra non se encadran nunha clasificación concreta: temos pezas utilitarias cunha sensiblidade plástica evidente, pezas funcionais que van do utilitario ao artístico, ou a medio camiño entre a utilidade, as propostas lúdicas e a creación única. Nestas propostas existen fronteiras intermedias nas que se xoga co uso pero no que resulta clara a influencia da escultura. Aventúranse na realización de obxectos divertidos ou de fondo onírico… nos que nalgúns casos se poden rastrexar ecos dadá, ou mesmo surrealistas, a modo de obxectos imposibles xerados a partir de formas coñecidas. Son obras enraizadas con formas preexistentes pero que pretenden converterse nou- tras novas, tornarse case animadas ao pasar polo baruto antropomórfico ou zoomórfico (firmas como Madriguera Workshop, Comocuando, Nacho Porto, Mágicos Gagarín, Víctor Ares…) outras toman como referencia o emprego cotiá para anular o uso e tornalo en peza única (Ajuar de Marta Armada). As pezas utilitarias da cerámica actual, realizadas en barro ou porcelana, están directamente ligadas a outros sectores produtivos. A unión de vaixelas de artesáns galegos e a cociña de autor ou alta cociña é clara en varios talleres cerámicos galegos (Cerámica Suve, Ojea Studio, Cerámica Unzeta, Witchneeds-Ana Tenorio, Lucía Catuxo-Casa do Cura, Laura Delgado, Verónica Moar…). As súas pezas avogan pola delicadeza e a transcendencia do pequeno —a influencia xaponesa é determinante tamén para os ceramistas galegos— apreciables na esencia da paisaxe e dos elementos naturais ou ambientais contidos nun prato, nunha xerra ou nunha cunca. Atopamos nas súas superficies pegadas matéricas que remiten á natureza, iridiscencias ou cores rechamantes para gañar plasti- cidade, ou pola contra cores neutras que se someten ás formas e as súas novas posibilidades (Paula Ojea, Ana Tenorio…).