Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 37

35 ou a usos votivos que participarían dunha interpretación similar ás pinturas rupestres ou os gravados en pedra. É indubidable que os restos cerámicos utilitarios son os máis numerosos nas escavacións arqueolóxicas de todos os xacementos poste- riores ao Neolítico, algo especialmente salientable nos datados na Idade do Ferro en Galicia8. Grazas á olería castrexa sabemos onde e como se almacenaba o cereal, o líquido ou incluso que a comida podería dispoñerse en recipientes colectivos tipo fontes. Coñecemos grazas a estes achados as zonas de maior desenvolvemento cerámico como son as Rías Baixas e as concas media e inferior do Miño, máis permeables a contactos exteriores. Os recipientes máis utilizados eran olas, tarteiras, vasos, incluso se coñecen tapadeiras. Son recipientes barrigudos na parte inferior e con rebordo en resalte normalmente. As decoracións son xeometrizantes, a modo de espiñas de peixe, esvásticas... Este motivos adquiren máis plastici- dade e naturalismo coa chegada da influencia romana. A cerámica comeza a traballarse só coas mans e son os avances tecnolóxicos os que favorecen a súa mellora coa aparición do torno e o forno, asumindo un grande avance, e contaminación de formas e motivos ornamentais, coa chegada de Roma, desde as ánforas ou dolia para o viño ata as vaixelas sixilatas de cor vermella. A arqueoloxía demóstranos, de xeito xeral, que os utensilios cerá- micos se utilizaban con outras finalidades que van máis alá de conter líqui- dos ou sólidos; atopáronse moitos recipientes formando parte dos enxovais funerarios dos enterramentos hispánicos da Idade do Bronce, e mesmo se converteron na urna funeraria do finado, caso dos enterramentos en cántaro de El Argar, no sur da Península. Na Idade do Ferro galaica prodúcese unha falta de achados funerarios castrexos, e é común a opinión dos especialistas da arqueoloxía de que a práctica funeraria habitual sería a cremación. Deste xeito non podemos basearnos en restos cerámicos de carácter funerario ou votivo, senón claramente domésticos para reconstruír como traballaban, que comían ou como se movían polo territorio galaico protohistórico. A cerámica castrexa e os seus contedores viuse modificada pola chegada das técnicas romanas e non atopamos unha continuidade desas zonas máis predominante cerámicas cos centros oleiros posteriores (Bonxe, Buño, Gundivós, Loñoa das Olás, Mondoñedo, Niñodaguia, Samos…) que van experimentar un maior desenvolvemento nos séculos xviii, xix e xx, con documentación, que nalgúns caso, xa describe núcleos oleiros no século xvi. Para explicar as técnicas e os avances arqueolóxicos na idade dos castros amosarase un forno de cerámica do xacemento de Castromao en Celanova, e un recipiente que mesmo podería ser cocido nese forno. Nesa vasilla pódese analizar a típica forma barriguda con decoracións estriadas, dentro dos usos oleiros do momento ligados á cociña e á vida doméstica. As pegadas da cerámica romana e a súa influencia na produción de barro estará represen- tado por pratos de sixilata e cuncos de terra de talleres de Lucus Augusti, foco de produción cerámica romana pero netamente asentada en Lugo.