Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 269

267 DO OURO E DA PRATA Cando nos afastados tempos da Prehistoria o home entrou na Idade dos Metais, o ouro xa aparecía como un metal de particular condición, iden- tificado co poder e con valores probablemente sobrenaturais derivados do culto animista. Onde era atopado un xacemento identificábase coa posible acción milagreira dun deus que, en forma de lóstrego, chegaba á terra e deixaba solidificados naquel dourado material os residuos da súa sobrenatural forza. Ese é o nacemento da lenda do ouro que pasou logo a formar parte dos atributos de liderado dos seus posuidores, que adornaban diferentes membros do seu corpo, nacendo, pola mesma consecuencia, os distintos xéneros da ourivería con relación á parte do corpo onde se lucían os tales adornos. Isto acontecería por primeira vez na historia coñecida en Varna (Bulgaria) en pleno período calcolítico, sobre o 4600 a. d. c.1 Polo mesmo tempo, a prata conseguía liberarse do chumbo co que aparecía mesturada nos xacementos de galena arxentífera. O seu brillo branco e limpo e a relativa firmeza con relación ao chumbo e estaño confirmaron unhas propiedades que se adaptaban a ferramentas de ser- vizo doméstico. Ademais, co tempo pasou a utilizarse como substituto das medidas de transacción agrícolas e cuño das primeiras moedas. O ouro pareceu identificarse con aqueles milagreiros e devas- tadores lóstregos, co seu poder de xerar lume, mais tamén co sol, coa luz, coa calor, coas espigas maduras da primeira agricultura, coa vida e mesmo máis sinteticamente, co xénero masculino. A prata identificouse coa lúa e a maxia dos seus ciclos crecentes e devalantes, o resplandor branco na noite, e virou cara aos valores do feminino. O que queremos aclarar con esta breve introdución é que prata e ouro son os case exclusivos materiais desta época dos albores da historia que incorporan valores culturais por riba da súa cualificación física. Son dous metais inútiles para o traballo ou a guerra, pero representan algo moi superior que non acadan ferro ou bronce con toda a súa servidume. Estas identidades culturais permaneceron posteriormente en moitas relixións como elementos simbólicos. Os altares da barroca contrarreforma ou os templos budistas enchéronse de ouro para ofrecer aquela imaxe de grandeza da mesma maneira ca a necrópole de Varna antes aludida. A lúa prateada representou a María e o espírito santificante feminino, como luz reflectida daquel esplendor áureo. O espírito do mundo antigo seguiría vivo ata as crenza dos nosos días. A cobiza por estes metais foi unha constante ao logo da historia, levando tras de si explotacións e traxedias a pobos enteiros e beneficios aos seus conquistadores. O ouro dos romanos no noroeste da Península Ibérica, o ouro americano que levou á procura incansable de xacementos polos conquistadores españois, o ouro de California son capítulos da histo- ria de Eldorado aínda sen pechar. A prata conxugou as mesmas ambicións en América, México, Potosí, Perú… deixaron constancia da importancia con galeóns enteiros que cruzaban o mar cargados deste metal.