Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 13

A ARTESANÍA, ENTRE O ÚTIL E O FERMOSO «Pensar coas mans» é un percorrido histórico pola cestería, a cerámica e a xoiería en Galicia, actividades fondamente arraigadas na nosa terra, que nos permite chegar aos creadores actuais, que nos permite explorar o significado da artesanía como un concepto que vai máis alá do traballo manual. Nela vemos como o artesán deixa de ser o encargado de manufac- turar obxectos utilitarios para converterse nun autor que deseña e elabora as pezas proporcionándolle un valor engadido á súa función primeira. Os artesáns hoxe en día chegan ao oficio xa non só por trans- misión xeracional, senón por vocación propia e consciente, cunha sólida formación en artes ou deseño á que van incorporando as técnicas e o saber facer tradicional, do que se converten en portadores e salvagardas. O artesán é un profesional poliédrico: autor, deseñador, mestre, referente e investigador en materia de artesanía e, ao tempo, especialista en promo- ción, vendas, márketing ou contabilidade. A artesanía é un sector económico en auxe ligado aos materiais nobres, á intervención manual pero non limitada por ela, á ecoloxía e á sus- tentabilidade, ao desenvolvemento local e á volta da poboación ao rural, á súa estruturación e dinamización empresarial. A colectividade doutros tempos deulle paso á reivindicación das marcas individuais de cada autor, ao tempo que vemos como aparece a idea dunha nova colectividade que respecta estas autorías grazas á marca Artesanía de Galicia. Un distintivo ligado tamén a un espazo xeográfico, a un patrimonio e a unha cultura, garantía da calidade dos produtos e plataforma de promoción do sector artesán galego no seu conxunto, que nos está permitindo introducir as nosas pezas artesás en mercados de todo o mundo, chegando ata países como O Xapón ou Australia. A nosa artesanía é un sector heteroxéneo en canto aos diferentes perfís dos profesionais que o conforman, especializados nun grande abano de actividades artesanais, pero que non traballan só de cara ao seu propio taller senón que cada vez máis interaccionan con outros ámbitos, enrique- cendo un conxunto no que a maioría dos profesionais ocupa un espazo intermedio entre o utilitario e o artístico. Dicía Octavio Paz que as artesanías pertencen a un mundo anterior á separación entre o útil e o fermoso. A beleza e a funcionalidade da nosa artesanía teñen que seguir indo da man para conservar e poñer en valor este importante patrimonio, tal e como se pon de manifesto nesta exposición. Francisco Conde López Conselleiro de Economía, Emprego e Industria