Mi primera publicacion Catálogo de Pensar coas mans | Page 11

«Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia» supera o marco dunha exposición de obxectos para conformar un proxecto onde o protagonismo reside en contidos culturais e etnográficos, fondamente arraigados na sociedade galega. De xeito complementario ás accións dirixidas a apoiar a artesa- nía desde un punto de vista comercial e económico, o prestixio acadado polas artesás e artesáns galegos demandaban unha grande exposi- ción para abordar este eido creativo desde unha perspectiva artística e antropolóxica. Imposible de comprimir o universo artesán nos límites dunha exposición, a mostra concentra a súa mirada na cestería, cerámica e xoie- ría, tres das especialidades con máis tradición en Galicia e que permiten articular unha viaxe no tempo desde o presente ata a Idade de Ferro. Sirvan de exemplo dun mundo extenso e rico que goza na súa totalidade da nosa admiración. Gustaríame gabar a capacidade da comisaria, Verónica Santos Farto, para articular un discurso rigoroso, con sensibilidade artística e alcance divulgativo. Xunto a ela destacar ao equipo de asesores: María García-Alén, Fernando Martínez Vilanova e Belén Sáenz-Chas. O seu prestixio representa o mellor aval da calidade. Cómpre tamén recoñecer a implicación da Fundación Pública Artesanía de Galicia, a través da que a Xunta vencella as accións ligadas ao desenvolvemento deste sector. A exposición é o resultado das achegas de sesenta e cinco artesáns, catorce museos, dez coleccionistas privados, así como as escolas superiores de Arte e Deseño Mestre Mateo e a Ramón Falcón. A mostra involucra non só nomes galegos, senón a profesionais tan prestixiosos como a arquitecta Izaskun Chinchilla, autora da espectacular intervención que serve de expositor para realzar as pezas contemporáneas. «Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia» recoñece a figura de pioneiros como Luciano García-Alén, o grande estu- doso da cerámica galega e que probablemente salvou da desaparición moitas das técnicas dos oleiros tradicionais, ata entón agochados nas nosas aldeas, ou de Isaac Díaz Pardo, que xerou espazos para a formación e a innovación, para o encontro con outras disciplinas, como o deseño. Pór en valor as artesáns e os artesáns e favorecer o seu coñece- mento representa traballar a prol do patrimonio cultural e construír argu- mentos para diversificar o turismo, con rutas ligadas a estas actividades. Lonxe queda a distinción entre traballo manual e intelectual e desdebuxa- dos os lindeiros que pretendían situar en compartimentos estancos arte, deseño e artesanía. Ninguén discute hoxe o dereito da artesanía a conquis- tar un espazo en galerías e museos e a reivindicarse como un elemento vivo da nosa cultura. Román Rodríguez González Conselleiro de Cultura e Turismo