Don Moucho Xuño 2018 Don Moucho 2018 | Page 2

Erase unha vez unha cidade...a nosa cidade. Tan cercana e ó tempo tan descoñecida. Daquela nós quixemos achegarnos un poquiño ata o seu corazón e ir descubrindo paso a pasiño o seu latexo. Durante 9 meses esforzámonos por coñecer Vigo, por ollar dentro daqueles recunchiños polos que -de certo- pasamos mil e unha veces. Despois deste longo percorrido polas nosas rúas coidamos que todos temos gañado unha carreira, cáseque unha maratón. Agora coñecemos mellor as súas rúas máis importantes, as súas esculturas, os seus edificios máis senlleiros... e cando miramos para ela nos nosos paseos atopamos cousas nas que non repararamos antes. Nas nosas andainas temos botado un olliño tamén a súa historia e porén sabemos como xurdiu, como foi medrando, como foi deixando anaquiños importantes no camiño, como foi a súa vida antes e como é agora. Coñecemos tamén a arte máis nova dalgunhas rúas, esas nas que aínda non secou a pintura dos murais; a nosa paixón artística máis actual é xa case un sinal de identidade. Coñecimos ao longo do ano as rúas vivas debullando unha a unha as festas máis de noso. Os ollos de Vigo son eses ollos nos que nos asomamos á cidade albiscando un cachiño da súa esencia: Os ollos do Sereo, do Dinoseto, de Verne e o seu Polbo, do Barquiño, da Fada e o Dragón, dos Redeiros e dos Cabalos. Os ollos de Vigo son tamén os nosos ollos, os dos nenos de infantil -que cáseque ollaban por primeira vez a cidade- e os dos cursos dos maiores que aprenderon a vivila na súas pescudas. E son tamén os nosos ollos de adultos, os que a cotío vivimos nela sen sentila. Son os ollos dos que preparando este traballo temos agochado nas nosas mans toda esa información e ó facernos máis sabedores de Vigo fómolo gardando todo no noso corazón e aprendemos a escoitar a súa fala. Coas nosas descubertas Vigo xa é noso; e nós somos Vigo. Todo este tempo pasado vai deixar unha profunda pegada nas nosas vidas e no noso cole, como tantos outros proxectos que traballamos e vivimos. Serán cousas para lembrar agora que no novo curso están a piques de chegar intres moi especiais para nós. 2