DON MOUCHO LETRAS GALEGAS 2016 | Page 2

Chegamos á fin desta viaxe coa satisfacción do traballo cumprido. O comezar o curso propuxémonos neste novo Proxecto Documental Integrado achegarnos á xeografía de Galicia a través dos seus faros. Coidamos que o temos conseguido. Galicia e o seu mar tinguiron toda a actividade que se desenvolveu no noso centro durante estes meses, pero ainda así non estamos cansos desas dúas verbas. Coma sempre que facemos un proxecto de longo percorrido non estivemos sós; os mouchiños da biblioteca vixíaron tódolos nosos pasos; pero nos deixaron facer, porque o mais importante era investigar e aprender por nós mesmos. E vos acompañástesnos todos, coas vosas achegas e o voso alento. Graciñas por facernos sentir que o noso proxecto é o voso proxecto. Nestas páxinas queremos presentarvos un pouco do que fixemos, un pouco do que aprendemos. Moito xa o coñecedes e o vivistes en primeira persoa, outras cousas podédelas ver no noso blogue e nos corredores do cole. Hoxe ao bota-la vista atrás vemos que o regueiro de actividades feitas nas aulas serviron para o seu obxectivo principal. Coñecer algo máis da nosa terra, dos territorios que temos á nosa beira e dos que están ben alonxados da nosa casa. Coñecer o entorno dos faros mergullándonos un pouqueniño na súa flora e fauna, nas súas lendas, na súa historia. E o mais importante, facer mais grande, a través dese coñecemento, o vencello afectivo con Galicia; vencello que moitos xa tiñamos, pero que agroma agora tamén nos mais cativos. “Galicia somos nos, a xente mais a fala”- dicía Manuel María… e agora nós, mais sabedores do que temos, somos mais Galicia. 2