... de nen@s para nen@s... xuño 2013 | Page 3

EDITORIAL

VIDAL BOLAÑO VIVE, A LINGUA GALEGA VIVE

Este ano o Día das Letras Galegas,dedicóuselle a Roberto Vidal Bolaño. Ademais de axudar a revivir a obra do autor ao que se lle dedica o día, de dala a coñecer, de facela visible, o Día das Letras recórdanos que temos unha lingua nosa, que nos foi transmitida polos nosos maiores e que debemos transmitírllela ás xeracións máis novas.

Precisamente, o título que lle poñemos á Semana especial que lle dedicamos á Lingua Galega no colexio é “Saca a lingua fóra”, porque as linguas soamente viven cando as usamos. Hai uns días unha compañeira estrañouse polo entusiasmo con que a súa filla estaba preparando unha das actividades. Díxolle que lle parecía raro, porque sempre dicía que non lle gustaba o galego. A rapaza contestoulle, “mamá, por que me vai gustar se nunca mo falas?”. Así que xa sabedes, SACADE A LINGUA FÓRA!!!

Nós sacámola moitas veces: contando chistes, cos contacontos, cos relatos de medo, cos carteis das Letras, facendo regueifas… e, ademais, vimos que en galego tamén hai MAXIA. Porque máxica é a nosa lingua e porque, o máis importante, todos somos MAGOS e MAGAS do idioma, pais e nais, profesores e profesoras, cociñeiros e cociñeiras, e podemos facelo aparecer por todas partes: nas invitacións de aniversario aos amigos dos nosos fillos, na música que lles poñamos, nos libros que lles leamos, cando lles damos clase, nos menús… e así cando saquen a lingua fóra, veremos que os nosos trucos funcionan como os dos mellores magos.

Equipo de Dinamización da Lingua Galega