A voz de Sabón Carla López Iglesias e Óscar Cabrejo comunicación | Page 8
Antón Fraguas Fraguas, ou Antonio Fraguas Fraguas, nado en Insuela, na
parroquia de Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en
Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, foi un destacado historiador,
etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. En 1923 fundou, xunto con outros
compañeiros, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a
defensa da lingua e a elaboración dun dicionario. Foi membro das Irmandades da
Fala, do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de ensino secundario
depurado polo franquismo. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre
Sarmiento e da Real Academia Galega, foi director e presidente do Museo do
Pobo Galego, membro do Consello da Cultura Galega e cronista xeral de Galicia.
Dedicouse ó estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con
especial atención e mestría á antropoloxía. A súa figura foi recoñecida en vida co
Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero
Pedrayo, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e o Premio San Martiño de
normalización lingüística. O 7 de xullo de 2018 a Real Academia Galega, decidiu,
en sesión plenaria, que Fraguas sería o escritor homenaxeado o Día das Letras
Galegas do ano 2019, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.